Sunday 05 de May de 2024

Os infantís das Escolas Deportivas de Frades proclámanse campións da Fase Zonal do Torneo Intercomarcal de fútbol sala base


Xogarán a Fase Provincial o próximo 19 de maio en Ferrol. O equipo benxamín conseguiu un meritorio terceiro posto

O equipo infantil das Escolas Municipais de Fútbol Sala do Concello de Frades proclamáronse campións da Fase Zonal de Santiago do Torneo Intercomarcal de fútbol sala base, desputado esta pasada fin de semana no pavillón do Monte dos Postes (Santiago). Unha vitoria que fai que os fradenses sexan os representantes das comarcas de Ordes e Santiago na Fase Provincial, que se xogará o próximo 19 de maio en Ferrol.

Os rapaces das EDM do Concello de Frades golearon na final ao Colexio Manuel Peleteiro (Santiago) por un claro 7 a 1, nun encontro que dominaron de principio a fin. Pola súa banda, o equipo benxamín tivo que conformarse co terceiro posto, tras perder por 3 goles a 5 diante do Colexio Manuel Peleteiro. Un encontro no que os cativos de Frades non tiveron a sorte de cara, como amosan os 6 postes rexistrados no partido.

Ambos equipos, que estiveron acompañados polo técnico de Deportes do Concello de Frades, Lino Espiñeira, foron agasallados con medallas e un trofeo conmemorativo dos seus éxitos deportivos.